Festas Patronais


Dende hai moitos anos, no Val do Mao celébranse dúas festas tradicionais na honra dos dous patróns da parroquia, como son San Eufrasio e a Santa María. Desta última tamén recibe o pobo o outro nome (e orixinal) polo que é coñecido “Santa María do Mao”.


A festa na honra do patrón celebrase o quince e dezaseis de maio e a festa da patrona o 15 de agosto (festivo nacional). Estas festas son organizadas por unha “Comisión de festexos” que está formada polos veciños, e cada ano a comisión vai pasando polos 9 barrios que forman a parroquia.


A principios de ano “A Comisión Organizativa dos Festexos” reúnese e pide por tódalas casas da parroquia para recaudar fondos e poder organizar unhas boas festas.

Son moi coñecidas nos concellos lindeiros e no noso propio concello as festas de San Eufrasio por ser das primeiras da primavera e as que acuden moita xente as mesmas.


A vespera dos festexos, tanto en maio coma en agosto, é moi coñecido a churrascadaou pulpada tradicional que se organiza con motivo das festas na “Palloza” que o pobo posúe no Campo da Festa, situado no barrio de San Eufrasio. Hai que destacar que esta “Palloza” foi feita polos veciños do pobo para poder ter un lugar de reunión tradicional e enxebre nas festas do pobo.
Esa noite reúnense todolos veciños a comer churrasco ou polvo, e posteriormente sempre se rifa un cordeiro entre tódolos presentes. Nestes últimos anos tamén se est´n organizando a recuperación de xogos tradicionais que moita xuventude era descoñecedora da súa existencia. Por último esta noite remata cunha “Queimada”, tan tradicional na nosa terra.


Ata o de agora estas eran as Festas Tradicionais e Patronais que se organizaban no noso pobo, pero un dos fins desta Asociación “Amigos do Val do Mao” recentemente creada e a de recuperar máis festas tradicionais de moita celebración na nosa terra galega como son a Festa da Castaña, a Festa do Antroido, os Reis e a Noite de San Xoan. Deste xeito estamos a promocionar o coñecemento do noso pobo a través dunha oferta cultural organizada e fomentar así, tamén, a interrelación con outros pobos e as súas culturas.





Logo oficial da Asociación Esta páxina web, en Galego, tivo unha axuda outorgada pola Xunta de Galicia-Presidencia-
Secretaría Xeral de Comunicación-
Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual.